PANEL MARÍA WONENBURGER
Dentro da nosa participación no Plan Proxecta – Donas de Si, unha das actividades propostas polo centro foi a creación dun mural artístico inspirado na unidade didáctica “María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo”, material elaborado pola Xunta de Galicia para visibilizar referentes femininas nas ciencias.
A protagonista desta unidade é María Wonenburger Planells, unha das matemáticas galegas máis destacadas do século XX, pioneira na álxebra e recoñecida internacionalmente pola súa contribución á teoría de grupos. A súa figura foi recuperada e posta en valor en 2002 grazas ao traballo de dúas matemáticas galegas, María José Souto e Ana Dorotea Tarrío.
Tomando como base esta unidade, o alumnado de Expresión Artística de 4º ESO, en colaboración co alumnado de 1º ESO, realizou un mural colectivo que pretende dar a coñecer no noso centro a relevancia científica e humana de Wonenburger. A actividade non só busca divulgar o seu legado, senón tamén fomentar referentes femininos no ámbito STEM, reforzando o obxectivo principal do proxecto Donas de Si: visibilizar mulleres que destacaron en diversos ámbitos da sociedade.







